Friday 03 de May de 2024

A Pobra repasa a súa tradición mariñeira a través dunha exposición fotográfica


Máis dun cento que fotografías conforman a exposición A vila pobrense, as súas xentes e… o mar na cal se ofrece un repaso polo vínculo da localidade co mar dende distintas perspectivas. Enmarcada na programación dunha nova edición da Semana do Mar, o acto de apertura tivo lugar na tarde deste 15 de xullo, na Casa Mariñeira.

Durante a súa intervención, a concelleira do Turismo, Charo Varela (Nós Pobra), agradeceu a implicación da veciñanza por cede-las imaxes que compoñen esta mostra na que se reflexa a pesca de baixura, conserveiras, mariñeiros en alta mar… Unha serie de instantáneas, tanto antigas coma contemporáneas, que poñen en valor a relación da Pobra co mundo marítimo a nivel social, económico, cultural e xeográfico, ademais de homenaxear a aquelas persoas que fixeron medrar a vila a través do seu traballo no medio mariño. Tamén tivo palabras de agradecemento para Miguel Ríos, quen cedeu para a ocasión varias caixas do peixe ilustradas a acuarela con marismas.

O proceso de recompilación do material gráfico consistiu na aportación por parte da cidadanía pobrense das instantáneas que levaron a Foto Ríoss, onde os exemplares foron dixitalizados para a impresión das copias que se atopan expostas na referida instalación municipal ata finais de mes.

As visitas poden realizarse no horario habitual da oficina do turismo.